Conde avalía con Ageinco liñas de traballo para impulsar a competitividade das empresas galegas de enxeñaría e consultaría

O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro coa nova directiva da Asociación no que salientou a oportunidade que supón para o sector a Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, á que se destinarán 120 millóns en dous anos para reinventar a industria galega

A enxeñaría centrará un dos 12 plans operativos específicos para as áreas estratéxicas da economía galega da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro coa nova directiva da Asociación Galega de Empresas de enxeñaría, consultaría e servizos tecnolóxicos (Ageinco), encabezada polo seu presidente, Fernando López Mera, no que se avaliaron liñas de traballo conxuntas para continuar a impulsar a competitividade das empresas galegas do sector.

Neste sentido, na reunión sinalouse a oportunidade que supón para enxeñarías e consultarías a Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0, á que se destinarán 120 millóns en dous anos, un investimento co que a Xunta aspira a reinventar a industria galega promovendo un modelo máis competitivo orientado cara a fábrica intelixente. Para acadar este obxectivo, tal e como manifestou Francisco Conde, será fundamental o labor das empresas do sector, achegando servizos de alto valor engadido á industria e as pemes galegas.

Outro dos asuntos que se abordaron na xuntanza celebrada esta tarde foi a internacionalización, lembrando o conselleiro de Economía e Industria que a enxeñaría centrará un dos 12 plans operativos específicos para as áreas estratéxicas da economía galega da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, plan encadrado no marco da Axenda da Competitividade.

Neste ámbito, lembrouse o memorando firmado recentemente entre a Xunta e a Secretaría de Desarrollo Agrario, Territorial y Urbano de México (Sedatu) no que colabora Ageinco, e que supón achegar oportunidades de negocio ás empresas galegas no país americano en ámbitos como a eficiencia enerxética, a construción de vivenda ou o saneamento.

Ageinco agrupa a 19 empresas de enxeñaría, consultoría e servizos tecnolóxicos que traballan nos eidos civil, industrial, enerxía, medio ambiente, edificación e urbanismo. O conxunto do sector factura en Galicia en torno a 80 millóns de euros anuais, e emprega a 800 persoas.

Fuente | Xunta