Abel Caballero rexeita este tipo de rupturas da competencia e convida á asociación a que as Tribunas AGEINCO se convertan nun foro de ideas para o futuro de Vigo
Vigo Vertical, eficiencia enerxética, Cidade da Xustiza e o plan especial Porto-Cidade, eixos de desenvolvemento futuro da cidade onde poden ter cabida as empresas de enxeñería galegas
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios (FEMP), Abel Caballero, protagonizou a primeira ‘Tribuna AGEINCO’ deste ano 2016, un foro de debate celebrado esta tarde no Hotel Pazo Os Escudos de Vigo e no que participaron unha ducia de empresarios galegos integrados na asociación. O presidente da Asociación Galega de Empresas de Enxeñería e Consultoría (AGEINCO), Fernando López Mera, aproveitou para trasladarlles a Abel Caballero e ao concelleiro de Fomento, David Regades, os principais problemas cos que se está atopando o sector máis aló da crise económica.
“A nacionalización da enxeñería déixanos sen capacidade de poder defender determinados proxectos no exterior”, explicou López Mera, quen lamentou que “o que debería ser unha excepción, que son encomendas dos Ministerios a empresas públicas, está a converterse no habitual. Mentres o nivel de contratación baixou entre un 25 % e un 30 %, encomendas non só se mantiveron, senón que creceron e agora poden chegar ao 60%”. Neste sentido, o presidente de AGEINCO explicou que “as enxeñerías galegas somos un vehículo de internacionalización, vendemos tecnoloxía feita en Galicia a outros países” pero que “se non podemos participar en proxectos como o AVE a Vigo, non teremos nada que exportar porque, nese caso concreto, fixérono case todo empresas públicas”.
Fernando López Mera explicou que desde AGEINCO defenden a libre competencia, aínda que lamenta que “ultimamente prime só o criterio económico. É obxectivo pero hai outros como o coñecemento ou a experiencia que deberían ser tamén tidos en conta”. Unha situación que contrapuxo a encomendas dos Ministerios a empresas públicas: “a nós fannos competir por prezo e unicamente por prezo cando a INECO danlle un prezo pechado e, en ocasións, superior ao do mercado”. Neste sentido, lembrou que a enxeñería é máis un investimento que un gasto, xa que evita problemas e facilita o desenvolvemento das obras.
Finalmente, López Mera chamou a atención sobre que “agora atopámonos coas universidades dentro dos contratos. Non nos parece mal, pero non estamos a competir cos mesmos medios”.
Competencia
Pola súa banda, Abel Caballero asegurou que non compartía a ruptura da competencia e que “quizais se deba a que a encomenda é máis doada de acometer fronte a sacar un prego para unha adxudicación”. Ademais, admitiu que “non sabía que a universidade podía facer proxectos privados e, se é así, non o comparto porque sería unha ruptura da competencia”. De todos os xeitos, lembrou que “o prezo é un factor moi importante e non se presta a decisións subxectivas”, aínda que indicou que “o Concello de Vigo inclúe sempre cláusulas de salvagarda social e os convenios laborais”.
O alcalde vigués mostrou a súa satisfacción por poder intercambiar ideas con “profesionais de opinión tan altamente cualificada” e mostrouse partidario de “converter esta Tribuna nun foro de ideas que se reúna periodicamente. Estamos dispostos a escoitar suxestións e queremos coñecer as vosas ideas sobre como debe medrar a cidade”. “Facernos propostas de proxectos de investimento que podamos levar a Europa e que encaixen co noso modelo de cidade sustentable”, convidou Caballero.
Neste sentido, o alcalde de Vigo esbozou o que quere que sexa o Vigo dos próximos doce anos, nos que “temos que seguir cun cambio absoluto da cidade e teremos un volume de investimento moi elevado”. Así, expuxo o proxecto ‘Vigo vertical’, que “vai permitir compactar unha parte do centro urbano de Vigo” e no que se investirán máis de 17 millóns de euros.
“Temos recursos financeiros, queremos ideas onde investir”, insistiu o alcalde de Vigo, quen expuxo outros eixos de interese para a enxeñería galega na Cidade da Xustiza, a eficiencia enerxética, as smart cities e o plan especial ‘Porto-Cidade’, “que creo que imos ser capaces de facelo en breve”.