- O banco e a asociación de empresas de enxeñería, consultaría e servizos tecnolóxicos danlle un novo impulso a un texto que facilita o investimento e a constitución de empresas
- Os empresarios asociados gozarán de mellores condicións na contratación de produtos da entidade financeira galega
25.01.2018. ABANCA e a Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría, Consultaría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO) veñen de renovar o seu convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, o investimento e a mellora competitiva das empresas adheridas a esta organización.
O presidente de AGEINCO, Fernando López Mera, e o director de zona de ABANCA en Vigo Norte, Javier Soto, rubricaron hoxe na sede institucional da entidade financeira en Vigo un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial do sur de Galicia.
O convenio facilita que os empresarios e emprendedores de AGEINCO accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Este colectivo contará con produtos especificamente deseñados para a mellora competitiva dos proxectos actuais ou a posta en marcha de novas ideas empresariais. Á súa disposición ABANCA pon tamén préstamos e hipotecas dirixidos ao investimento, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e con xuros moi competitivos.
De maneira adicional, os empresarios asociados contarán, en condicións especiais, con outros produtos da entidade financeira galega específicos para atender as necesidades do día a día das empresas, como pólizas de crédito, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe unha oferta vantaxosa na contratación de liñas de comercio exterior e no anticipo de subvencións, así como a posta a disposición do colectivo das liñas de financiamento especial do Plan Activamos, asinado entre ABANCA e a Deputación de Pontevedra.
Do mesmo xeito, o acordo asinado inclúe condicións melloradas na contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade, así como o acceso a APLAZOS, o servizo de compras de ABANCA.
Os empresarios adheridos a AGEINCO poderán acceder tamén ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
AGEINCO, constituída en Vigo en xullo do 2004, agrupa os intereses de 23 empresas que impulsan a mellora competitiva da enxeñaría, consultaría e servizos tecnolóxicos. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas na comunidade e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.