A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes de Ageinco na que puxo en valor a Axenda 20 que inclúe incentivos á contratación e apoios en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE)
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría (Ageinco) co obxectivo de informarlles das axudas da Xunta para crear en Galicia emprego e explicarlles os principais retos da Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a impulsar o traballo estable e de calidade.
Con respecto á Axenda 20, Toca sinalou que inclúe 20 medidas, que contan cun investimento anual de 180 millóns de euros, para reforzar a atención especial que a Xunta xa presta aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un posto laboral. Neste senso, a secretaria xeral recordou que este ano as axudas do Goberno galego para fomentar o emprego inclúen un incremento do 25% adicional para as mulleres, as persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social e aqueles que pertencen a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro. As empresas que se empracen no rural tamén optan a este 25% adicional.
A Axenda 20 ten como obxectivo reducir o desemprego ata o 10% coa creación de 100.000 postos laborais ata 2020. Para iso, e tal e como detallou Toca, céntrase en 3 retos: fomentar o emprego de calidade, estimulando o emprego indefinido a tempo completo para crear ou converter en indefinidos 50.000 contratos; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.
Entre outras actuacións previstas para este ano, a secretaria xeral puxo en valor os incentivos á contratación e os apoios en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Lembrou que están aínda activas as axudas por valor de dous millóns de euros para a contratación de parados de longa duración maiores de 45 anos. Os apoios poden oscilar entre os 10.000 e 25.000 euros e a contía pode aumentar nun 25% se a empresa conta con, polo menos, o 75% do seu cadro de persoal indefinido, primado, deste xeito, a estabilidade laboral. O pasado ano beneficiáronse destas axudas máis de 100 empresas cun investimento de 1,6 millóns de euros.
Así mesmo, a secretaria xeral resaltou que a Xunta dispón de incentivos á contratación para menores de 30 anos e en canto ás axudas á RSE, indicou que o Goberno galego apoia ás empresas na implantación da Responsabilidade Social Empresarial nos seus modelos de xestión, na elaboración e posta en marcha de plans de igualdade e na conciliación da vida laboral, familiar e persoal ben a través de incentivos económicos para o fomento do teletraballo e da flexibilidade horaria ou a través de apoios para a adquisición de elementos tecnolóxicos que favorezan o teletraballo.
Por último, a secretaria xeral salientou a importancia de manter “un diálogo aberto e claro” entre as administracións e as empresas para traballar da man co único obxectivo de xerar emprego estable e de calidade.